martes, 22 de septiembre de 2026

PEQUENOS PETEIROS, GRANDES DESCUBRIMENTOS!

Esta semana tivemos unha actividade moi especial na que aprendemos, xogamos e convertémonos por un momento en pequenos pitiños! 

Para comezar, descubrimos como nacen os pitiños a través dun vídeo educativo. Observamos con moita atención como saen do ovo e fomos coñecendo algunhas curiosidades sobre eles. Aprendemos tamén que os pitiños comen millo e que o collen e comen utilizando o seu pequeno pico.

E aquí chegou a nosa proposta!

Se os pitiños comen dando pequenos picotazos, nós tamén iamos facer os nosos particulares picotazos... pero empregando o noso dedito! 

Cada neno e nena tiña un debuxo dun pitiño cheo de pequenos puntiños. A nosa misión consistía en localizar os puntiños e darlles un pequeno “picotazo” coa punta do dedo, previamente mollada en témpera amarela. Así, pouco a pouco, fomos enchendo o noso pitiño de pequenas pegadas amarelas. 




Parecía unha tarefa sinxela, pero había que estar SUPERATENTOS! 

Tiñamos que observar moi ben o debuxo para localizar todos e cada un dos puntiños, sen esquecer ningún. Ademais, debiamos controlar o movemento do dedo para colocar a pegada exactamente no lugar indicado, sen saírnos e, moi importante, sen mancharnos nin manchar o compañeiro ou compañeira! 

A través desta actividade estivemos traballando de maneira divertida a psicomotricidade fina, a coordinación ollo-dedo, a atención e a concentración. Tamén practicamos o control e a precisión dos nosos movementos, aprendendo a facer xestos cada vez máis pequenos e precisos.

E o mellor de todo é que o pasamos xenial!  Entre “picotazo” e “picotazo”, fomos enchendo os nosos pitiños de cor e descubrindo que, cando prestamos moita atención, somos capaces de facer auténticas marabillas.

Unha actividade sinxela, divertida e chea de aprendizaxes na que as nosas pequenas mans se converteron en pequenos peteiros! 

Pío, pío... que ben o pasamos! 

No hay comentarios:

Publicar un comentario