sábado, 26 de septiembre de 2026

OBRADOIRO ROTATORIO

Os venres é o día no que levaremos a cabo a primeira hora un obradoiro rotario de actividades. Dividido en  3 grupos con actividades diferentes cunha misión cada unha e cun tempo determinado. 

Iremos rotando por cada estación e realizando a actividade programada.


Estamos nunha primeira fase, de introducirnos as actividades rotatorias. Algunhas as repetiremos e outras, a medida que adquiran a dinámica, iranse modificando. 

Estas vez a estación de construcción de torres altas, a de seguir o camiño do pitiño ata o verme con gomets de cores e a do xogo simbólico con conversas coa mestra sobre accións e vocabulario.




jueves, 24 de septiembre de 2026

CREAMOS OS NOSOS PITIÑOS

Estivemos escoitando a canción e aprendéndoa. Porque tamén saben que, facendo o peteiro cos nosos dedos (índice e pulgar), tamén sabemos cales son os dediños que precisamos para coller os rotuladores.

Esta semana puxemos a creatividade a voar e creamos os nosos propios pitiños con globos amarelos. Engadímoslles dous olliños e dúas patiñas feitas coa estampación das nosas mans. 

Encántanos experimentar coa pintura, tocar, estampar, mancharnos e descubrir todo o que podemos facer coas nosas mans. E, ao rematar, toca lavar ben as mans para que non quede nin rastro da témpera! 

Que ben o pasamos creando e xogando coa pintura! 







 







Despois de plasmar as nosas mans na cartuliña, as deixamos a secar e as nosas mans a lavar!

Despois enchemos de aire os globos, puxémoslle os ollos coa pupila pintada, pegámoslle un peteiro e colocámoslle as nosas mans coma se fosen as súas patiñas...


...e así marchamos todos contentiños paraa casiña!!!



martes, 22 de septiembre de 2026

PEQUENOS PETEIROS, GRANDES DESCUBRIMENTOS!

Esta semana tivemos unha actividade moi especial na que aprendemos, xogamos e convertémonos por un momento en pequenos pitiños! 

Para comezar, descubrimos como nacen os pitiños a través dun vídeo educativo. Observamos con moita atención como saen do ovo e fomos coñecendo algunhas curiosidades sobre eles. Aprendemos tamén que os pitiños comen millo e que o collen e comen utilizando o seu pequeno pico.

E aquí chegou a nosa proposta!

Se os pitiños comen dando pequenos picotazos, nós tamén iamos facer os nosos particulares picotazos... pero empregando o noso dedito! 

Cada neno e nena tiña un debuxo dun pitiño cheo de pequenos puntiños. A nosa misión consistía en localizar os puntiños e darlles un pequeno “picotazo” coa punta do dedo, previamente mollada en témpera amarela. Así, pouco a pouco, fomos enchendo o noso pitiño de pequenas pegadas amarelas. 




Parecía unha tarefa sinxela, pero había que estar SUPERATENTOS! 

Tiñamos que observar moi ben o debuxo para localizar todos e cada un dos puntiños, sen esquecer ningún. Ademais, debiamos controlar o movemento do dedo para colocar a pegada exactamente no lugar indicado, sen saírnos e, moi importante, sen mancharnos nin manchar o compañeiro ou compañeira! 

A través desta actividade estivemos traballando de maneira divertida a psicomotricidade fina, a coordinación ollo-dedo, a atención e a concentración. Tamén practicamos o control e a precisión dos nosos movementos, aprendendo a facer xestos cada vez máis pequenos e precisos.

E o mellor de todo é que o pasamos xenial!  Entre “picotazo” e “picotazo”, fomos enchendo os nosos pitiños de cor e descubrindo que, cando prestamos moita atención, somos capaces de facer auténticas marabillas.

Unha actividade sinxela, divertida e chea de aprendizaxes na que as nosas pequenas mans se converteron en pequenos peteiros! 

Pío, pío... que ben o pasamos! 

PLANETAS DE CORES, MOVEMENTO E DIVERSIÓN NA AULA DE PSICOMOTRICIDADE

Esta semana tivemos unha sesión moi especial na aula de psicomotricidade, na que combinamos calma, movemento, aprendizaxe e, sobre todo, moitas ganas de pasalo ben! 

Comezamos a sesión cunha primeira aproximación ao ioga e á relaxación. Paramos un pouquiño para conectar co noso corpo, aprender a respirar con calma, concentrarnos e escoitar o que acontecía ao noso arredor. A través de sinxelos exercicios de respiración e relaxación, fomos descubrindo que tamén podemos atopar momentos de tranquilidade dentro dunha sesión chea de movemento. 

Despois... chegou a hora de poñernos en marcha! 

Para a seguinte actividade empregamos pezas grandes de construción de diferentes cores e aros de cores. O reto consistía en coller cada peza e levala ata o planeta de cor (o aro que correspondía coa súa cor). Parecía sinxelo, pero había que estar moi atentos e concentrados para observar ben cada peza e decidir onde tiñamos que colocala. 

Con este xogo estivemos reforzando a discriminación e identificación das cores, a coordinación motora, a atención, a concentración e a orientación no espazo. Pero, ademais, aprendemos algo moi importante: traballar xuntos fai que todo sexa máis divertido! 

AMARELO


VERDE

AZUL

LARANXA

VERMELLO

Foi unha actividade para compartir, axudarnos, colaborar e respectar os ritmos dos demais. Houbo xogo en equipo, cooperación, risas, diversión e moi bo ambiente. Cada peza que atopaba o seu "PLANETA" convertíase nun pequeno logro compartido. 

E, como en toda boa sesión de psicomotricidade, ao final chegou unha tarefa imprescindible: recoller! 

Entre todos e todas fomos gardando as pezas e colocando cada material no seu sitio, deixando a aula perfectamente preparada para que o profe de Educación Física a tivese lista para a súa seguinte clase. Porque aprender a coidar e ordenar os espazos e os materiais que compartimos tamén forma parte da nosa aprendizaxe. 


E despois de tanto movemento, concentración, carreiras e risas... tocaba recuperar forzas! 

Collemos as nosas botellas e fomos beber auga para hidratarnos e descansar un pouquiño. Un pequeno momento para repoñer enerxías despois dunha sesión na que aprendemos, xogamos, colaboramos e gozamos en equipo.

Porque na psicomotricidade... tamén aprendemos xogando! 

domingo, 20 de septiembre de 2026

RECOÑECEMOS OS NOSOS NOMES MENTRES XOGAMOS

Estamos comezando o curso e realizamos actividades de reforzo para recoñecer e lembrar os nomes dos nosos novos compis de clase e dos tripulantes da nosa aventura galáctica.. Para iso, preparei varias actividades para traballar na aula durante a asamblea ou un chisquín antes de rematar o día. De todos xeitos, por se queren reforzalos desde casa mentres se divirten, déixovos na columna dereita do noso blog o acceso a estes xogos educativos personalizados.

1º RULETA DOS NOMES

Pinchades na imaxe e accederedes á actividade. Para facela funcionar, debedes pinchar nun cadrado que aparece na parte inferior e que pon "GIRAR". Despois podedes continuar ou, como o fago eu, ELIMINAR ao neno/a que saíu, desa maneira iranse eliminando nenos/as e así asegurades que non saia un repetido (despois de xirar e parar, aparecerá abaixo dous cadriños e, nun deles, pon "ELIMINAR". Pulsade e desaparecerá o que saíu. Despois repetides e volta a xirar)


2º MEMORY DOS NOMES

Para xogar, pinchade no enlace e accederedes ao xogo. Deben abrir 2 cartas de cada vez e tratar de atopar as parellas de fotos dos compañeiros que sexan iguais.


3º O KAHOOT DOS NOMES

Para xogar, pinchade na imaxe e accederedes ao xogo. Aparece unha ventá e debedes elexir "MODO CLÁSICO"e deben elexir o nome correcto do neno/a da foto de entre dúas opcións (aínda lles vai custar moito pero, a través do xogo e da constancia, irá aparecendo a memoria visual e irán discriminando nomes). 




sábado, 19 de septiembre de 2026

COMEZA A NOSA AVENTURA GALÁCTICA

Nas aulas de 3 anos comezamos unha nova aventura… esta vez, rumbo ao espazo! 

E para poder viaxar polo universo necesitabamos algo moi importante: o noso propio foguete! 

Puxémonos mans á obra e decorámolo con moita ilusión. Coloreámolo con rotuladores, picamos un pouquiño coa axuda do punzón —que xa descubrimos que cansa un pouquiño e aínda estamos comezando a practicar— e, por suposto, non podía faltar o máis divertido: enchelo de estelas de lume para que o noso foguete poida avanzar rapidísimo polo espazo!








Pero… unha viaxe tan longa dá fame!  Por iso, cada foguete levaba un pequeno tubo con chocolate, o noso combustible especial para recuperar forzas durante a viaxe. 


Agora xa estamos preparados para despegar, descubrir planetas, estrelas e galaxias e, sobre todo, vivir xuntos unha aventura chea de maxia, descubrimentos e moita imaxinación.

3, 2, 1… DESPEGAMOS!